A CRTVG é socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas e encadra as súas accións de Responsabilidade Social Corporativa no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU.
O obxectivo desta campaña é romper prexuízos e visibilizar mulleres investigadoras referentes nos seus eidos de traballo, para que sexan modelos a seguir polas nenas e mozas galegas que están a pensar no seu futuro.

#CorazónDeInvestigadora

As nosas protagonistas

Carmen Misa

Enxeñeira de Tecnoloxías de Telecomunicación, estudante do Mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación (especialidade de Electrónica), e investigadora da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo. Deseña e constrúe desde hai anos satélites que converteron a Universidade de Vigo na única de Galicia, e unha das poucas de España, en lanzar varios psicosatélites ao espazo. Neste momento está a traballar na construción do satélite Lume 1 para axudar na loita contra o lume.

Eva Monroy

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e alumna de doutoramento.
A súa tese combina a investigación e a produción artística desde a perspectiva da muller. Participou como artista en diferentes exposicións colectivas, é membro de A Colectiva, a asociación profesional de artistas de Galicia. Ademais, a finais de 2017 desenvolveu un proxecto de intervención artística na Unidade de Coidados Paliativos do Hospital Meixoeiro de Vigo. Investiga na actualidade mulleres artistas para as que o seu suxeito de traballo son materiais e obxectos fragmentados.

María José Alonso

 O laboratorio de María José Alonso (USC) liderou numerosos descubrimentos no campo da Tecnoloxía Nanofarmacéutica. Actualmente participa en sete proxectos internacionais. É premio Jaume I de Novas Tecnoloxías, Maurice Marie Janot, Nóvoa Santos, María Josefa Wonenburger e Medalla Castelao. É membro da Real Academia Nacional de Farmacia, da Real Academia Galega de Ciencias e da Academia de Farmacia de Galicia, ademais de pertencer á Academia de Medicina de Estados Unidos. Recentemente foi elixida presidenta da Controlled Release Society (CRS). Igualmente foi designada para formar parte da Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos e do prestixioso College of Fellows, do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE) de Estados Unidos.

Luz Paz Agras

Doutora Arquitecta pola Universidade da Coruña e Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC. Desde o año 2004 desenvolve traballos no ámbito da arquitectura, o urbanismo e o comisariado de exposicións, polos que recibiu recoñecementos nacionais e internacionais. Forma parte tamén do thinktank  Cadelasverdes. É profesora do Departamento de Composición e forma parte do Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio [GICAP].

Mantén liñas de investigación interdisciplinares como a interacción entre Arte e Arquitectura ou o estudo e estratexias de intervención no Patrimonio Moderno. Tamén é autora do libro Explorar os límites. Arte e arquitectura nas exposicións das vangardas.

Marga Novales

Doutora Enxeñeira de Camiños, Canais e Portos pola Universidade da Coruña. Mantén liñas de traballo e investigación en sistemas ferroviarios de transporte metropolitano, metro lixeiro, tranvitrén e tren-tranvía, mobilidade sostible, autobús de alto nivel de servizo, dinámica ferroviaria, aparatos de vía, vía sen balasto, ferrocarril e porto. É unha das referencias europeas na materia, onde é coautora de máis dunha ducia de libros e decenas de artigos e conferencias ademais de desenvolvedora de patentes.

María Couso

Enxeñeira industrial. É a directora do equipo Uvigo Motorsport da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, que deseñou e construíu o coche UM18, o primeiro monopraza na historia da escudería universitaria que conseguiu completar todas as probas nunha carreira do campionato Formula  Student. María lidera un equipo de 26 persoas. A sostibilidade e a eficiencia son as máximas dun proxecto que combinadiferentes institucións e empresas patrocinadoras. Este curso continuará no novo equipo que deseñe o UM19.

María Giménez

Investigadora química no CiQUS en Santiago (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) e Profesora Honoraria Asociada na Universidade de Nottingham, en Química Orgánica. Lidera no CiQUS o proxecto Nanocomp, financiado polo Consello Europeo de Investigación, que traballa con nanoestruturas híbridas de metal e carbono para o desenvolvemento de dispositivos electrónicos máis funcionais e versátiles.

Rosa Mosquera

Catedrática do Departamento de Produción Vexetal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC. A investigadora lidera na USC un programa internacional financiado orientado a proporcionar modelos de xestión sustentable do monte que contribúan a minimizar o risco de incendios forestais, ademais de garantir a preservación dos servizos ecosistémicos e a calidade ecolóxica dos espazos abertos de montaña de alto valor ambiental susceptibles de ameazas. Protección antiincencios para os bosques mediante o uso de gando.

Mabel Loza

Catedrática de Farmacoloxía na Universidade de Santiago. Coordinadora do Grupo Biofarma de investigación sobre novos medicamentos. Líder no seu campo de investigación a nivel europeo, e avalada por máis de 90 programas de investigación, 70 deles como investigadora principal. Impulsora de tres empresas de investigación farmacolóxica, foi elixida entre os 30 científicos de 30 países en Europa do Portraits of Science-Scientists of Tomorrow Initiative no 30 aniversario da Federación europea das industrias e asociacións de Farmacia (EFPIA).

Susana Ladra

Doutora en Informática da Universidade da Coruña e Coordinadora do campus Innova da UDC. Susana é experta en algoritmos para mellorar as buscas de información en Internet. As súas liñas de investigación desenvólvense na contorna da compresión de datos, a análise de algoritmos e estruturas de datos para bioinformática, bases de datos, minería de datos e recuperación de información. Lidera o proyecto BIRDS (www.birdsproject.eu), Bioinformatics and Information Retrieval Data Structures Analysis and Design que está financiado pola acción Marie Sklodowska-Curie do programa europeo Horizonte 2020. Este proxecto xorde da necesidade de mellorar o procesamento de grandes volúmes de datos existentes en diferentes campos de aplicación coma a bioinformática e a recuperación de información.

Patrocinio Morrondo

Catedrática do Departamento de Patoloxía Animal /Parasitoloxía e enfermidades parasitarias da USC. Investigadora do grupo especialista en Sanidade Animal de Galicia (INVESAGA), colabora activamente co Servizo de Fauna de Kenia -Kenia Wildlife Service (KWS) na identificación e determinación de infeccións parasitarias que afectan rinocerontes e elefantes de diversas reservas naturais do país africano. Patrocinio é membro numerario da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, onde foi a primeira académica de número electa.

Lucía Santiago

Enxeñeira Naval e Oceánica pola Universidade da Coruña, e doutoranda de Enxeñeira Naval e Oceánica. En 2015 incorpórase ao Grupo Integrado de Enxeñería e desde entón colabora na realización de múltiples proxectos de I+D relacionados co sector naval. Na actualidade atópase realizando a tese de doutoramento sobre o Estudo e desenvolvemento dun sistema de avaliación da estabilidade dos pesqueiros para previr a zozobra durante a navegación. As súas especialidades son o estudo do comportamento do buque, a monitorización da estabilidade en tempo real e os sistemas de sensorización, medida e ensaios con modelos a escala.

Nas seguintes ligazóns pode atoparse información e recursos de institucións que están a traballar neste eido:

Plataforma Europea de Mulleres Científicas

Unha ONG internacional que xunta redes de traballo e asociacións de mulleres científicas de máis de 40 países co nexo común da igualdade de xénero.

Digitalent

DigiTalent busca reducir a fenda crecente entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital e promover que a cidadanía conte coas capacidades necesarias para desenvolverse plenamente no ámbito dixital.

Unidad de Mujeres y Ciencia (UMYC)

A Unidad de Mujeres y Ciencia (UMyC), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, encárgase de promover a aplicación axeitada do principio de transversalidade de xénero nos eidos científico, tecnolóxico e de innovación.

"Se sabes que estás no camiño correcto, se tes ese coñecemento interior, entón ninguén te vai frear... dá igual o que digan."
Barbara McClintock,
Citoxenetista e gañadora do premio Nobel de Medicina no 1983
"Non deixes que ninguén che roube a imaxinación, a creatividade ou a curiosidade."

MaeJemison
Física e astronauta

#CorazónDeInvestigadora