Como socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas, as #AccionsG da CRTVG encádranse no marco dos ODS da ONU

#NonMiresXoga é unha acción de Responsabilidade Social Corporativa e pon o foco na capacidade do deporte para mellorar a vida das persoas e promover a integración social.

A inclusión social é unha encomenda transversal dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Esta acción salienta o Obxectivo 3 “Saúde e Benestar” e o 4 “Educación de Calidade”.

"Os límites están só na nosa mirada"

#NonMiresXoga

Os nosos protagonistas

BALONCESTO

Todos os sábados, a pista polideportiva do Centro Cívico Sociocultural Sagrada Familia da Coruña énchese de deportistas de Difunga (Diversidad Funcional Galicia) para dalo todo na cancha.

Manuel, Álex, Javi, Lorenzo son algúns dos protagonistas da campaña e xogadores habituais, e din que “os voluntarios corren moito e xogan moi ben, pero queremos que veñan sempre“.

Os familiares salientan a importancia da existencia deste clube e as barreiras que aínda quedan por derrubar: “Se non é no club, case ninguén quere xogar con eles“.

CICLISMO

Os voluntarios e voluntarias agardan a que chegue cada luns pola tarde para saír pasear en bici cos usuarios e usuarias do Programa ‘Rodando’ pola área de Campolongo, polo paseo do río Gafos e outras zonas da cidade de Pontevedra.

Aos usuarios, como así se denominan estes deportistas, véñenlles moi ben estes paseos para socializar, integrarse, facer exercicio físico e desconectar logo de tantas terapias. E o máis importante, como salientan desde a organización,  é que  todo o mundo o pasa ben.

Entrevista no “Bos Días” con Paulo Fontán

O presidente da Asocíación Amizade foi entrevistado no plató do “Bos Días” onde explicou o programa de actividades de lecer e deporte que levan a cabo en Pontevedra.

https://www.crtvg.es/tvg/a-carta/bos-dias-9-00-4084015?t=1604

FÚTBOL SALA

Na pista polideportiva do Centro Cívico Sociocultural Sagrada Familia da Coruña  xa vimos que xogan ao baloncesto, pero tamén lle dan ao fútbol sala.

Jorge é un dos xogadores e Juan, o seu pai, cóntanos que “levaba 18 anos buscando algo como este club para o meu fillo. Agora Jorge é outro, é feliz e espera ansioso que cheguen os días de adestramento para xogar e traballar cos seus compañeiros e voluntarios

Xogar, xógase pero tamén hai exixencia dentro da diversión. Xa nolo di Sandra: “O míster mete moita caña porque temos que aprender e mellorar

PÁDEL

No Padel A1 da Coruña péganlle duro á bola.

Impera a deportividade pero tamén a competitividade. Díxonos Juan que lle gusta “moito xogar ao pádel e gañar a Luís“, seguro que Luís tamén  lle gañou algún partido. Hai bos piques!

Os voluntarios tamén se benefician do xogo: “Pasámolo ben e, encima, axudámoslles. Agradecen moito que veñamos xogar con eles, e aínda botamos unhas risas”, comenta Sabela, unha das voluntarias que ademais ve recompensa nos adestramentos: “Melloran moito día a día e desde o principio… non ten nada que ver… case nin lle daban“.

TENIS DE MESA

Na Asociación Down Coruña, o deporte é unha ferramenta máis para pasalo ben e ter unha actividade saudable. Nas disciplinas que practican, ademais do tenis de mesa, destacan o rugby, piragüismo… Compartir momentos con compañeiros e voluntarios.

Manuel Esmorís presidente Down Coruña e traballador da CRTVG, cóntanos que “aproveitamos o deporte como unha oportunidade de compartir con compañeiros e voluntarios momentos saudables, sen prexuízos, limitacións nin barreiras. Ademais, co deporte pasámolo ben, como uns CAMPIÓNS!!!” 

Reportaxe no Telexornal Serán

Responsables e participantes do programa Xogamos de Down Coruña amosaron a un equipo do Telexornal Serán da TVG o traballo que fan en diversas disciplinas deportivas.

https://www.crtvg.es/informativos/down-coruna-a-inclusion-social-a-traves-do-deporte-4084840

VELA

Na Escola de Vela Adaptada do Monte Real Club de Yates de Baiona, é onde embarca César coa súa filla Nuria, e unha a vez a bordo do “Gos 16” o horizonte é o único límite que teñen por diante.

 “Para min a vela é liberdade, esquecer os meus límites da vida diaria. O mar transfórmame noutra persoa, máis libre, máis esperta, máis valente, máis soñadora.

Faime máis forte física e mentalmente, máis equilibrado. Se non navego, non me sinto ben, non teño forzas para superar os meus propios retos e marcas do día a día. A vela é vida”, conta César.

KOREAN SEMI CONTACT

 Na Escola de Artes Marciais Inclusivas Monteporreiro, de Pontevedra, aprenden KSC (Korean Semi Contact). O KSC é unha arte marcial española de baixo impacto con raíces orientais de influencia coreana e xaponesa.

Alejandra e Javi adestran xuntos tanto a defensa persoal como formas e combate inclusivo,  aprenden a filosofía da humildade, disciplina, honra e respecto ao rival, tampouco hai barreiras no tapiz.

Entrevista en “A Revista”

Javi e Sergio, acompañados polo seu adestrador, Santiago, visitaron a CRTVG e fixeron unha demostración de KSC no plató do programa “A Revista”, onde foron entrevistados por Loli Gómez.

https://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-revista-4085095?t=1409

Xogamos co Real Club Deportivo Genuine

Grazas especiais nesta #AcciónG ao Real Club Deportivo da Coruña e aos integrantes do Real Club Deportivo para a Liga Genuine que nos abriron as portas da Cidade Deportiva de Abegondo para xogar, todos xuntos, un partido de “Fútbol 8” cos traballadores e traballadoras da CRTVG.  Tamén a Radio Galega puido emitir desde o campo o programa “Convivir Deportivo” liderado por Alfonso Pardo. Aquí están as fotos do partido. Grazas a todos e todas por facer posible este día tan especial. Nós tamén xogamos 🙂

Vídeo da noticia no Telexornal Fïn de Semana: https://www.crtvg.es/tvg/a-carta/telexornal-mediodia-fds-4081601?t=2088

Reportaxe no Galicia en Goles da Radio Galega: https://www.crtvg.es/rg/destacados/galicia-en-goles-galicia-en-goles-do-dia-06-04-2019-4081904

Moitas grazas a todos os que traballades neste eido e fixestes posible esta campaña: